O tradicional chupinazo, ás 21.00 horas, abrirá sete días de programación con grandes orquestras, actividades gastronómicas, tradición e propostas para todos os públicos.
Soutomaior, 1 de agosto. O Concello de Soutomaior inaugura esta tarde a III Semana Grande, unha cita que converterá o municipio no epicentro festivo da comarca ata o vindeiro 7 de agosto cun programa que combina música, gastronomía, tradición e actividades para toda a veciñanza.
O acto inaugural celebrarase ás 21.00 horas diante da Casa do Concello co tradicional chupinazo, acompañado dun dos momentos máis emotivos destas festas: a entrega das “Chaves da Festa”, un símbolo que representa a unión entre xeracións e que cada ano recae na persoa máis maior e na máis nova do municipio.
Nesta edición, as chaves serán entregadas a Dolores Iglesias Pazos, de 100 anos, e á pequena Aria Santoro Oliveira, de pouco máis de dous meses de vida. O relevo realizarano quen custodiou as chaves durante o último ano: María Barbosa Pazos, de 101 anos, e Sabela González, de un ano de idade.
As chaves, elaboradas en prata e deseñadas especificamente para esta celebración, permanecerán durante un ano baixo a custodia das dúas homenaxeadas, mantendo vivo un legado que simboliza a continuidade das festas entre as distintas xeracións da veciñanza.
O Concello anima a todas as persoas asistentes a participar no ambiente festivo lucindo o tradicional sombreiro de palla e a pañoleta, convertendo o chupinazo nun gran punto de encontro para dar a benvida á Semana Grande.
Tras o acto institucional, ás 21.15 horas, a Mekanika Rolling Band iniciará un espectacular pasarrúas desde a Casa do Concello ata a contorna da Igrexa do Divino Salvador, onde continuará a programación musical coa actuación da Orquestra Bravú Xangai, a partir das 23.00 horas.
Dende o concello tamén quixeron hoxe trasladar a información que lles fixo chegar a Parroquia do Divino Salvador sobre os horarios dos actos relixiosos que se celebrarán nos días da Semana Grande de Soutomaior. O alcalde, Manu Lourenzo, quixo agradecer un ano máis “aos membros da Parroquia en especial a Gabriel a súa implicación e traballo nesta III Semana Grande de Soutomaior”.
Así de tal xeito as datas e horarios que trasladan dende a parroquia sobre os actos relixiosos son o Día da Peneda: o 5 de agosto, na Ermida da Virxe da Peneda misa ás 9:00h, 10:30h., 12:00h, 19:00h e ás 20:30h (na parroquia). Misa polo Patrón na Igrexa do Divino Salvador; o 6 de agosto Día do Patrón misa ás 12:00 h. e ás 20:00h. Tralo remate da misa das 20:00h. terá lugar a procesión; o día 7 de agosto, San Caetán, a misa será ás 9:00h. na Igrexa do Divino Salvador con saída en procesión ata o Castelo de Soutomaior. Na Ermida de San Caetano misa ás 10:30 h. e ás 12:00h.
Unha semana con grandes espectáculos
A programación da III Semana Grande reunirá algunas das formacións máis destacadas do panorama musical galego. O luns 3 de agosto chegará ao Torreiro da Feira da Dez, en Candán, a Orquestra Panorama, acompañada da sesión de La Mega CD. O mércores 5 será a quenda da Orquestra Kubo e discomóbil Dolce Vita, mentres que o venres 7 de agosto as festas despediranse coa actuación da Orquestra París de Noia e discomóbil EME Music.
A programación inclúe tamén propostas para todos os públicos, destacando o Día da Cociña de Soutomaior, que se celebrará o domingo 2 de agosto, con sesión vermú, showcooking, degustación de produtos locais, xantar popular e actuación musical.
As ciudadanía manterán tamén o seu marcado carácter tradicional cos actos relixiosos en honra da Virxe da Peneda, San Salvador e San Caetano, que se desenvolverán entre os días 5 e 7 de agosto, culminando coa tradicional romaría ata a ermida situada no Castelo de Soutomaior.
Dous espazos festivos, transporte gratuíto e medidas de inclusión
A III Semana Grande desenvolverase en dous escenarios principais: a contorna da Igrexa do Divino Salvador e o Torreiro da Feira da Dez, en Candán.
O Concello volverá activar o programa Soutomaior Inclusivo, poñendo á disposición da cidadanía cascos antirruído para persoas con hipersensibilidade auditiva, que poderán solicitarse ao persoal de Protección Civil.
Ademais, os días 3, 5 e 7 de agosto habilitarase un servizo gratuíto de autobús lanzadeira entre o Pavillón da Montesiña “Alfonso Pazos” e o Torreiro da Feira da Dez, con percorrido continuo entre as 21.30 e as 23.30 horas e de 00.00 a 03.00 horas, facilitando así os desprazamentos durante as noites de maior afluencia.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a implicación de todo o persoal municipal e do Goberno local na organización desta celebración e amosouse convencido de que “a Semana Grande é xa unha referencia festiva na comarca, cun importante impacto social, cultural e económico para o municipio”. O rexedor agradeceu tamén a colaboración da Parroquia do Divino Salvador e de todas as persoas e colectivos que fan posible o desenvolvemento destas festas.


