O concello de Soutomaior investirá máis de 160.000 euros, ao abeiro do Plan +Provincia, nesta actuación, que consistirá no asfaltado e adecuación de 800 metros de estrada e o acondicionamento de tres núcleos no tramo da actuación para a súa conversión en pequenas prazas.
16 de setembro, Soutomaior. Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, o concelleiro de Obras e Urbanismo, Pablo Garrido, estiveron nesta xornada na zona onde nos vindeiros días comezarán os traballos que levará a cabo dende a empresa Contrucciones Pérez, gañadora da licitación desta obra.
O proxecto, redactado por Infourban, contempla o asfaltado e adecuación dun tramo de estrada de case 800 metros, que van desde a zona da Chan, no Sobral, ata a Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido. Ademais deste arranxo e asfaltado, o proxecto tamén contempla o acondicionamento de tres núcleos ao longo do tramo da actuación.
Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para a veciñanza do barrio e nas que o Goberno de Soutomaior actuará para a súa conversión en pequenas prazas. Así, converteranse en espazos máis amables e humanizados para a veciñanza.
Para levar a cabo esta actuación, o Goberno de Soutomaior investirá preto de 160.000 euros, ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación Provincial. Uns traballos mediante os cales se compren dúas necesitades: por unha banda a mellora na mobilidade do barrio e por outra parte crear espazos públicos que poñan en valor tanto a zona arquitectónica da zona como os elementos patrimoniais.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estamos ante un proxecto moi importante para o Val-Sobral e para Soutomaior, un proxecto que vai a supoñer unha importante mellora para o barrio coa recuperación de espazos rurais, darémoslle ás prazas un tratamento acorde á arquitectura tradicional que os rodea”.
O alcalde lembrou que “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a vida da veciñanza. Con esta obra imos a converter espazos moi deteriorados en prazas coidadas onde a xente poderá vivir, relacionarse e desfrutar dos marabillosos espazos cos que contamos en Soutomaior”, concluíu Manu Lourenzo.