O alcalde, Manu Lourenzo, visitou esta mañá a Poza do Souto para comprobar o comezo dunha actuación que permitirá transformar este espazo nunha contorna máis accesible, segura e agradable para a veciñanza.
Soutomaior, 10 de novembro. O Concello de Soutomaior vén de iniciar os traballos de humanización da Praza do Souto, no barrio de Moreira, unha actuación que conta cun investimento de 140.151,31 euros e que permitirá renovar e poñer en valor este espazo público.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, visitou esta mañá a Poza do Souto para coñecer de primeira man o inicio das obras e comprobar o desenvolvemento dos primeiros traballos.
O proxecto ten como obxectivo mellorar as condicións actuais da praza, reforzando a seguridade viaria, renovando os pavimentos e ampliando os espazos destinados ás persoas. A intervención permitirá tamén crear unha contorna máis accesible e agradable, incorporando zonas verdes, espazos de lecer e materiais de calidade que contribuirán a poñer en valor a identidade propia de Moreira.
Manu Lourenzo destacou a importancia de seguir investindo na mellora dos espazos públicos dos distintos barrios e parroquias do municipio. «Queremos que os nosos barrios conten con espazos públicos coidados, accesibles e pensados para as persoas. Esta actuación permitirá recuperar e mellorar un lugar importante para Moreira, creando unha contorna na que a veciñanza poida desfrutar e convivir».
Esta intervención dá continuidade ás melloras realizadas nos últimos anos noutras zonas do barrio, como Fondo de Vila e Ouxil, dentro da aposta do Goberno municipal por reforzar os núcleos rurais, recuperar os espazos de convivencia e mellorar a calidade de vida da cidadanía.