O concello presentará este venres, 14 de novembro, no Multiúsos o seu novo modelo de residuos, cun acto que dará comezo ás 20:00h aberto a veciñanza para que coñezan o novo tempo para a xestión do lixo que chega a Soutomaior.
12 de novembro, Soutomaior. Este venres, 14 de novembro, ás 20:00h. o Multiúsos de Arcade vestirase de verde para presentar Conscientes, medra en verde. Un acto de presentación en sociedade do novo modelo de xestión de residuos que chega a Soutomaior con importantes melloras no servizo para a veciñanza.
Un acto, con entrada de balde ata completar o aforo, no que participará o alcalde Manu Lourenzo, a técnica de Medio Ambiente en Soutomaior, Sara Teijeira, o xerente de Urbaser, Gustavo Villasuso, e o CEO da empresa de comunicación Sihaho, Manuel Pan.
Neste acto darán a coñecer o novo modelo de xestión moderna e ambiciosa que chega a Soutomaior. Un acto no que se deixará patente os tres piares do Goberno Local: o saneamento da ría, o modelo urbano e a xestión do lixo.
O proxecto Conscientes, medra en verde, suporá un antes e un despois no tratamento do lixo no concello. Soutomaior adquire con esta iniciativa un compromiso coa reciclaxe e co medio ambiente que se deixará sentir no día a día da veciñanza.
Nesta xornada, dende o Goberno Local lembraron que o proxecto Conscientes ten dous grandes obxectivos: a xestión ecolóxica do lixo e a mellora na prestación do servizo.
Dende o Goberno Local convidan a todo o mundo a que veñan ao Multiúsos este venres, 14 de novembro, para coñecer máis e mellor o novo modelo de xestión de residuos do concello, Conscientes, medra en verde.