O obxectivo desta iniciativa é a coordinación entre a administración local e o centro de saúde de Arcade para abordar de maneira interdisciplinar as necesitades da veciñanza de Soutomaior.
30 de outubro, Soutomaior. O alcalde, Manu Lourenzo, os diferentes servizos do concello de Soutomaior (OMIX, CIM, Deportes, Traballadora Social e Educadora Familiar) e tamén representantes o centro de saúde de Arcade, María José González, médica de familia, e Ana Conde, enfermeira mantiveron unha reunión para comezar a traballar neste proxecto.
Tratase de optimizar recursos do concello en diferentes actividades e non deixar ninguén atrás. Unha mesa que nace para atender necesidades detectadas en materia de saúde da poboación xeral que precisan dun traballo comunitario no que todas as partes fagan achegas para que os resultados teñan un maior número de beneficios na saúde e atención ás persoas.
O alcalde dixo nesta xornada que “ dende o Goberno Local quero agradecer o traballo e a disposición da médica, María José González, e da enfermeira, Ana Conde, polo traballo en beneficio da veciñanza, e tamén pola súa implicación que amosa non só a súa profesionalidade senón tamén o seu amor pola profesión. O que perseguimos e traballar en colaboración as diferentes administración sempre en beneficio da veciñanza”.
Unha mesa de coordinación sociosanitaria que terá reunións periódicas, a primeira pata deste traballo comezará a vindeira semana co ConCoidado. Un cursiño que se centrará nas persoas que coidan e nas persoas que precisan dos coidados. Terá unha parte formativa pero tamén servirá para crear unha rede de apoio e de intercambio de recursos e experiencias que seguro van ser de moita utilidade para mellorar o benestar das persoas.

