O programa reúne propostas de teatro, debuxo e pintura e obradoiros de inglés para diferentes idades.

Soutomaior, 26 de agosto. O concelleiro de Educación, Gonzalo Outeiro, e a concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, presentaron hoxe a nova programación da Rede Aviva, o programa municipal de actividades para o curso 2026-2027, que reúne diferentes propostas culturais e formativas dirixidas á veciñanza de distintas idades.

A programación inclúe a Escola Municipal de Teatro, a Escola Municipal de Debuxo e Pintura e os Obradoiros de Inglés, con actividades adaptadas ás diferentes franxas de idade. As propostas desenvolveranse na Casa da Cultura de Soutomaior “Rexina Míguez Noval” e na Biblioteca Luís Seoane.

As inscricións estarán abertas do 10 de setembro ás 9:30 horas ata o 25 de setembro ás 14:00 horas e deberán realizarse en liña en https://soutomaior.gal/actividades/. As persoas interesadas deberán agardar á comunicación da admisión e da obtención de praza antes de efectuar o pagamento. Ademais, as persoas empadroadas no Concello de Soutomaior terán preferencia no acceso ás actividades.

A Escola Municipal de Teatro contará con grupos infantil, xuvenil e de persoas adultas, con propostas para idades comprendidas entre os 4 anos e a idade adulta. As clases desenvolveranse na Casa da Cultura entre outubro de 2026 e xuño de 2027.

A Escola Municipal de Debuxo e Pintura ofrecerá tamén diferentes grupos por idades, desde “Espertando a creatividade”, para nenas e nenos de 4 a 7 anos, ata grupos infantís, xuvenís e de persoas adultas. As actividades desenvolveranse entre outubro de 2026 e maio de 2027.

A oferta complétase cos Obradoiros de Inglés, destinados a nenos e nenas nados entre 2014 e 2020, que se desenvolverán na Biblioteca Luís Seoane entre outubro e decembro de 2026 e entre xaneiro e maio de 2027.

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, salienta que “Rede Aviva nace coa vontade de seguir achegando a cultura e a formación á veciñanza de Soutomaior, ofrecendo actividades de calidade para diferentes idades e intereses. Queremos que a Casa da Cultura e a Biblioteca sexan espazos vivos, de encontro e participación, nos que nenas, nenos, mocidade e persoas adultas poidan desenvolver a súa creatividade, aprender e gozar da cultura ao longo de todo o curso”.

O concelleiro de Educación, Gonzalo Outeiro, destaca que “con Rede Aviva queremos ofrecer unha programación diversa, accesible e pensada para diferentes idades, creando espazos para aprender, desenvolver a creatividade e compartir experiencias. Apostamos por actividades que complementen a formación e contribúan á dinamización cultural e educativa de Soutomaior”.

Con Rede Aviva, o Concello de Soutomaior continúa apostando por unha programación municipal diversa e aberta á participación da veciñanza ao longo de todo o curso 2026-2027.