O cantautor galego Tino Baz foi o encargado de inaugurar a parte musical da campaña de Normalización Lingüística GOZA DO TEU PUNTO G, O GALEGO DÁCHE UN PUNTO. Unha campaña en positivo e cun toque de humor para poñer en valor todo o que podemos ser dende o galego.
15 de febreiro. Achégase o Día de Rosalía pero as verbas desta gran escritora xa chegaron a Soutomaior na voz do cantautor Tino Baz, Este gran músico galego estivo, esta semana, nos centros educativos do municipio compartindo co alumnado do CEIP Manuel Padín Truiteiro e do IES de Soutomaior
todo o seu saber e o legado de Rosalía.
Esta noite no Multiúsos ofreceu o seu directo co concerto “Rosalía na nosa voz”, unha cita que deu o pistoletazo de saída á programación
musical da campaña de Normalización Lingüística GOZA DO TEU PUNTO G, O GALEGO DÁCHE UN PUNTO.
Esta é a primeira acción pero dende o Concello de Soutomaior xa teñen en axenda e programados espectáculos teatrais dirixidos ao público adulto, á mocidade e ao infantil familiar con propostas de grandes compañías como Talía Teatro, Excéntricas, Tarabela Creativa, Centro dramático galego ou monólogos de Carlos Blanco, Isa Risco, Avelino González, Celsiño, Arantxa Treus cos que imos rir e partillar.
Tal e como afirmou Manu Lourenzo “con esta campaña animamos a toda a veciñanza a Gozar do seu punto Galego nas artes escénicas, na música e no seu
día a día e por iso levaremos adiante actividade e iniciativas de promoción do galego na administración pública, actividades de promoción de galego no ensino e actividades de normalización lingüística que traerán a Soutomaior algunhas das principais referencias artísticas do noso país que nos van dar un punto en galego e animarannos a gozar dese punto G do idioma”.
Unha campaña que tamén ten como obxectivo impulsar o galego no deporte, nos convenios coas entidades deportivas e nas promoción do deporte en galego; o galego na promoción económica, traballando conxuntamente co tecido económico no uso da lingua galega nos seus negocios e apoiando ao sector ofrecéndolles for-mación que melloren as súas competencias lingüísticas na atención ao público en galego para apostar polo valor engadido que supón a incorporación do galego na venda de produtos e dos servizos que prestan; o galego nas Tic aumentado a creación de contidos en galego nos soportes dixitais e comunicativos do Concello pero tamén impulsando a creación de recursos en galego para compartir nas redes sociais; o galego no ensino e coa mocidade apoiando ao centros educativos na labor de transmisión da lingua, colaborando coas asociacións, organizando actividades de lecer e de formación que fomenten o uso da lingua, etcétera.