Nesta sinxela ruta lineal de pouco máis dun quilómetro descubrirás os múltiples valores deste entorno fluvial-costeiro localizado no fondo da Ría de Vigo, onde se mesturan as augas do río Verdugo coas da Enseada de San Simón seguindo o ir e vir das mareas. Este lugar é un exemplo de encontro entre natureza e historia, que conserva a súa riqueza paisaxística, cultural, produtiva e ambiental.
a.Valor ambiental: poderás observar numerosas aves acuáticas que se refuxian aquí, así como distintas especies mariñas de peixes e moluscos.
b. Valor produtivo: recoñecerás nas augas unha fonte de recursos que deu sustento ás poboacións locais, onde a pesca e o marisqueo forman parte da súa identidade mariñeira.
c. Valor patrimonial: descubrirás construcións, infraestruturas e vestixios doutras épocas que salpican a costa e falan da súa rica historia.
d. Valor paisaxístico: apreciarás a beleza dun contorno único da Ría de Vigo, onde mar e vexetación costeira se mesturan co son e aromas mariños nunha experiencia que envolve todos os sentidos.
Cinco son os puntos que poderás atopar ao longo do percorrido nos que aprofundar sobre estes valores e algunhas das singularidades que agocha este entorno.














